27.4.10

XUNTANZAS DO(S) CLUB(S) DE LECTURA


O xoves 22 e o martes 26 de abril, tiveron lugar, respectivamente, as xuntanzas dos lectores de Diario cruzado de Xoán e Xoana e de Algún día, cuando pueda llevarte a Varsovia. Pillounos no medio dos exames de pendentes e de lecturas para as materias, polo que os nosos lectores se viron un pouco apurados, e, aínda que algúns non deran rematado os libros, alí estaba a maioría, dispostos a debater ( e tamén tomar algún pasteliño, todo hai que dicilo).

As conclusións que podemos sacar é que case sempre saímos sorprendidos destas xuntanzas: por exemplo, o libro de Diario cruzado..., que pensabamos que vos ía encantar, pois non vos gustou tanto e as que estabamos máis entusiasmadas fomos as da biblioteca. Aos lectores de Algún día... gustoulles a parte narrada por Laura, pero non lles gustou a parte de aventuras que narra Andrés, que a nós nos pareceu do máis intrigante. Para esta última xuntanza valémonos de internet para poder coñecer El cerro de los Angeles, lugar de encontro de Andrés e Laura, e tamén o percorrido que o Cormorán fixo dende Varsovia ata Riga e logo o regreso, capitaneado por Andrés. Tamén quixemos empregar un tradutor en rede para descifrar a mensaxe que Andrés deixou a Laura de despedida, pero tocou a sirena e tivemos que deixalo, así que queda pendente esta averiguación.

Na seguinte xuntanza, repartiremos os libros das últimas lecturas do curso, coma sempre: a gusto dos consumidores, que esta vez parecen decantarse por unha aventura romántica e outra de misterio. Veremos que podemos ofertarlles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario