25.3.10

OS LECTORES DE VIÓS SAEN DA BIBLIOTECA!!!!

Hoxe, 25 de marzo, os integrantes do(s) Club(s) de Lectura tivemos un día moi especial.
En primeiro lugar fomos á FNAC, na Coruña. Xa a coñeciamos do curso pasado pois celebramos nela o Día do Libro. Pero esta vez foi distinto, eramos menos (24 entre profes e alumnos) e escollidos, porque todos tiñamos un interese especial polos libros. Na FNAC estivemos vendo libros e cada un de nós seleccionou aqueles que lle gustaría que estivesen na nosa biblioteca. Cando xa tiñamos xuntado un bo feixe, sentamos na volta deles e xustificamos a nosa escolla, así fomos seleccionando os que nos pareceron máis apropiados.Foi un momento moi especial, alí, no medio da FNAC, sentados no chan e falando de libros, cremos que tamén os que nos viron nos miraban un pouco sorprendidos e con certa envexa. De feito pensabamos que nos ía quedar tempo para dar unha volta polo establecemento, pero cando nos quixemos dar conta, xa había que saír pitando, pois ás doce tiñamos outra cita.
Fomos visitar a biblioteca pública "González Garcés", e atendeunos Mar, unha técnica da biblioteca encantadora, que nos acolleu moi ben e coa que estivemos un bo anaco charlando na sala de lectura infantil e xuvenil, aproveitando que a esa hora está pechada. Mar explicounos o proceso de adquisición de libros e catalogación, de distribución nas diferentes dependencias e tamén nos ensinou a buscar dende a rede co sistema OPAC, o sistema de busca. Tamén nos convidou a facérmonos socios, cousa que teremos moi en conta. Logo fixemos unha visita ás demais salas: hemeroteca, audiovisuais, sala de consulta e préstamos. Caladiños, iso si, pois había moita xente traballando.
E xa, coas nosas bolsas cheas de libros e novas experiencias, regresamos ao IES. Un día realmente agradable.
Estade atentos ao andel de novidades, pronto terá novo aspecto.

1 comentario:

  1. temos que repetir estaecursion
    ademais de pasalo ben,
    poidemos coller o libro que mais nos gustou paraa biblioteca
    esta moi ben
    1 saudo

    ResponderEliminar