10.3.10

TEMOS NOVIDADES NA BIBLIOTECA

Ao longo destes días foron chegando á biblioteca libros novos, que estarán expostos no andel de novidades en canto remate a exposición de prensa. Algúns deles foron solicitados por vós coma o manga en galego Bícame profe! 2 e Bícame profe! 3 que levades tanto tempo insistindo para que volos trouxeramos.
Tamén chegaron a 2ª e 3ª parte de Os Megatoxos, de Anxo Fariña, que teñen un clube de seguidores ,especialmente entre o alumnado de 1º.





Outros libros foron seleccionados dende a biblioteca, porque pensamos que vos ían gustar e que sería interesante que vos achegásedes a eles. Son destes dos que vos imos falar:





La escalera prohibida de Padma VENKATRAMAN, autora india e residente en EE.UU. que chegou a publicar máis de 20 libros de literatura xuvenil, con diferentes temáticas, a pesar da súa curta idade. Neste conta a historia de Vidya, unha adolescente cunha vida apacible e que soña con ir á universidade. Pero, a causa dunha traxedia ten que ir á casa dos seus tíos paternos, que non admiten que as mozas e os mozos teñan os mesmos dereitos. Raman, un mozo que coñece Vidya, axudaralle a que o mundo sexa un pouco máis agradable, acompañándoa máis alá da escaleira prohibida.
Non nos digades que non vos entran ganas de lelo!!! VEÑA, espera por vós na biblioteca.



O outro (ou outros, porque se trata dunha triloxía) que vos queremos recomendar é La ira del fuego, de Henning MANKELL, autor sueco do que xa temos falado en VIbliOS. Esta vez a través dos tres libros, El secreto de fuego, Jugar con fuego e La ira del fuego, Mankell cóntanos a historia real de Sofía, dende que a coñece, sendo só unha nena, ata pasados doce anos. Sofía vive nun dos países máis pobres do planeta, Mozambique, onde se fai maior no medio da guerra, a corrupción, a pobreza e a enfermidade.
Para todos eses que nos dicides que non vos gustan as historias fantásticas, que queredes historias que falen do que acontece na realidade están seleccionados estes tres libros. Seguro que vos van gustar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario