11.10.10

VARGAS LLOSA, PREMIO NOBEL DE LITERATURA


Esta semana coñecemos quen vai recoller o premio Nobel de Literatura. Xa sabedes que estes premios os concede a Academia Sueca e os entrega nunha importante cerimonia en estocolmo o 10 de decembro, data da morte de Alfred Nobel, impulsor dos premios que levan o seu nome, ademais de ser o máis grande industrial da produción de dinamita a finais do século XIX.


A Academia concede, entre outros premios como os da ciencia, medicina ou física, o de literatura. Este ano o premio é para MARIO VARGAS LLOSA, un autor peruano que ten hoxe en día 74 anos. Comezou a súa carreira literaria fabulando as súas propias experiencias nunha academia militar coa novela La ciudad y los perros e continuou, case sempre con éxito entre crítica e público, con La casa verde o Conversación en la catedral. Nese momento, falamos dos anos 60 e 70, a literatura hispanoamericana vivía unha época de esplendor.

Algunhas das súas obras están cargadas de humor, como Pantaleón y las visitadoras ou La tía Julia y el escribidor, coa que rin cando estaba no instituto coma vós; outras teñen unha gran carga histórica, como La guerra del fin del mundo ou La fiesta del chivo.

Vargas Llosa é un escritor cosmopolita que escribe sobre temas moi diferentese cultiva moitos xéneros: novela, teatro, ensaio ou artigos periodísticos. Con España ten unha relación moi especial, xa que unha catalana é a súa axente literaria e, grazas a ela e aos editores de Alfaguara, unha editorial española, a súa obra comezou a difundirse. É membro da Real Academia de la Lengua Española e ten, entre moitos premios o Cervantes, o máis importante de literatura en español entregado en España.

É posible que non vos sintades atraídos pola súa obra, é difícil que nos atraia algo do que non sabemos nada ou moi pouco, pero, seguramente, co tempo, algunha das súas novelas caia nas vosas mans. Ben, empezádea, só vos digo iso, porque o resto xa o vai facer el coa súa imaxinación e a maneira de narrar. Persoalmente estou esperando que publiquen dentro dunha semanas El sueño del celta, a súa última novela. Xa sei que me vai gustar.

Ana López Formoso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario