24.11.10

VIbliOS contra a violencia de xénero

Como ovellas que van ao matadeiro




camiñades a serdes lapidadas




en reas, silenciosas e humilladas,




baixo a mirada atenta do carneiro.








Que o voso sangue sexa o derradeiro




a mollar estas terras magoadas




polo integrismo cruel, polas brigadas




dunha fe que vos nega todo abeiro.








Maldita sexa a man que tira a pedra!




Maldito na semente e no futuro




o nome dos que erguen ese muro








sobre os peitos que alentan! Sexa a hedra




nai piadosa a cubrilas, nai que medra




a reclamar a vida en berro puro.




Marica CAMPO, Mulleres.



Ser muller é motivo de maltrato, física e psicolóxico ,en moitas culturas, tamén na nosa.Moitos libros, e por suposto películas, tocan esta temática, algúns deles na nosa biblioteca:



O inferno de Marta de Pascual ALAPONT, Ed. Xerais, col. fóra de xogo: Conta historia de Marta que comete o erro de namorarse da persoa equivocada. Nese momento Marta pon o pé no inferno, do que lle resultará moi difícli saír.


A cabeza da medusa de Marilar ALEIXANDRE, tamén en Xerais, conta a historia de dúas amigas, Sofía e Lupe, ás que lles ocorre coma á Medusa, castigada a levar serpes na cabeza despois de ser violada. Sofía e Lupe sentiranse xulgadas e postas en tea de xuízo, porque ese día levaban minisaia... A autora comentounos na charla que tivo connosco o curso pasado, que esta historia está baseada en feitos reais da súa época de profesora de instituto.


Mil soles espléndidos de Khaled HOSSEINI:falounos del Patricia, conta a historia de dúas mulleres, Mariam e Laila, esposas á forza e escravas de Rashid, un home moito maior ca elas.


Camiñan descalzas polas rochas. Libro colectivo de 21 autoras : a violencia sexual, o maltrato de xénero, os abusos sexuais nos conflitos armados ou a violación como arma de guerra, son algunhas das temáticas que abordan os relatos. Participan neste libro as escritoras Ana Romaní, Rosa Aneiros, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Carmen Blanco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, Helena Villar Janeiro, Ana Expósito, Marica Campo e Yolanda Castaño e as ilustradoras Nuria Díaz, Noemí López, Almudena Aparicio, Ánxeles Rodríguez Ferrer, Marina Seoane, María Lires, Car (Carmela González), Ana Pillado, Aurora López e Rebeca López.


Ás de bolboreta de Rosa ANEIROS: Dos quince personaxes que transitan polo bar de Patricia algúns cóntannos a súa historia, que xira en torno á violencia contra as mulleres.


Non volvas: filla da madrugada, de Suso de TORO: Premio da crítica española 2000, conta a historia dunha muller que abandona súa vida na cidade reclamada polo seu pasado e volve ao lugar que lle está prohibido, a aldea da súa infancia onde súa nai lle pediu que non volvese. Fóra da súa vida e fóra do tempo pisa con paso fantasmal un lugar de sombras, unha aldea maldita, para desvelar os misterios da súa orixe.

La escalera prohibida ou La ira del fuego, libros dos que temos falado aquí, tamén nos amosan en dúas culturas diferentes, a difícil vida que lles toca ás protagonistas e o difícil que é saír adiante sendo muller.


Estes son só algúns títulos que tratan sobre a violencia sobre a muller, pero hai moitos máis. Pasa pola biblioteca se che interesa o tema, seguro que atopamos algo para ti.

No hay comentarios:

Publicar un comentario