4.5.11

As lecturas de Os Viós-bardos 1



Tamén tivemos o noso encontro mensual cos lectores de 1º curso: é certo que foi neste grupo no que máis baixas se produciron, pero tamén é certo que quedaron os mellores: preocupados, atentos ás datas, sempre puntuais e fieis e cos seus libros lidos. É máis, ao inicio do curso custáballes moito falar e incluso había xente que, aínda que escoitaba moito, case non falaba. Agora xa non é así: cada vez se soltan máis a expresar as súas opinións e a valorar os libros.
Estas son as conclusións que tiramos desta última xuntanza:

A chamada da selva devolveunos o pracer de ler LITERATURA con miúsculas. Que marabilla de libro!!! Impresiona constatar que hai libros que nunca se farán vellos, e este é un deles. A pesar de que a narración segue o punto de vista do can, Buck, isto non lle resta interesa, todo o contrario: asistimos á aprendizaxe da supervivencia e somos testemuñas da súa evolución cara o salvaxe, pero sen esquecer a fidelidade. Un gran libro do que se poden extraer todo tipo de aprendizaxes e que gustou moito aos nosos lectores. Fernando relacionábao con Pel de lobo polo canto á liberdade que ambos conteñen.
De Los queridos Darling tamén falamos, pero non moi ben: non nos gustou. A pesar de ser un libro de aventuras, non logrou chegar aos nosos lectores, que apuntaron os seguintes defectos:

. Excesivos personaxes e moi pouco caracterizadas, ás veces non se entende a súa funcionalidade na trama.
. Nomes moi complicados, aínda este trazo pretende darlle humor ao libro, o que consegue e liarnos e complicar a comprensión da trama.
. Trama moi complexa: demasiados espazos, accións que non levan a ningún sitio, pois non dá a impresión de avance...
Quizais dende o Club de lectura non fagamos actividades que abraien,pero dende logo temos que estar moi satisfeitos, porque os nosos lectores son cada vez mellores lectores e, sobre todo, cada vez teñen unha maior capacidade crítica.

Para o mes de maio, pasamos A chamada da selva pero cambiamos Los queridos Darling por Barro de Medellín, de Alfredo Gómez Cerdá.

1 comentario:

  1. Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.

    ResponderEliminar