12.4.12

Por Santiago, seguindo os pasos de Tintimán.


O pasado mércores os Viós-bardos organizamos unha reunión do club ben especial: fomos ata Santiago para gozar xuntos dunha xornada diferente e, por certo, completiña: non tivemos nin un minuto libre!!
Empezamos o día coa visita a dúas exposicións -somos tantos que hai que repartirse-; unha, na Casa do Cabido: Compostella Dicitur e outra, no Pazo de Fonseca : Ilustramundos.
Gustáronnos as dúas. Da Casa do Cabido saímos cunha idea bastante clara de como era a cidade de Santiago no século XIII, mesmo demos un paseo "virtual" polas súas rúas... Unha curiosa viaxe no tempo!
No Pazo de Fonseca, da man de Irene López e Xosé Antonio Neira Cruz achegámonos á obra de distintos ilustradores do mundo e afondamos un pouco na relación entre ilustración, literatura e diversidade cultural.
A media mañá fomos á librería Follas Novas. Había que mercar libros para a biblioteca e, dende logo, alí había onde escoller! Levounos un anaquiño decidirnos pero, finalmente, marchamos encantados coas novas adquisicións ata a Facultade de Medicina, onde xantamos.
E sen tempo para sestear, empezamos a Xincana literaria que organizaramos baseada na lectura de Corazón de chocolate de Santiago Jaureguizar. Pouco tempo lle levou ao equipo gañador conseguir as sete probas -aínda que houbo que deliberar se realmente eran todas válidas!- e coa entrega dos premios rematamos o día.
A choiva acompañounos o día enteiro pero, como ultimamente está sendo un ben tan escaso, non nos importou nadiña a súa teima por estragar os planos da zona vella compostelá, os sobres coas probas. Acabamos entroupados!
Unha festa!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario