22.5.13

Visita de Xabier Docampo


O día 16 visitounos Xabier Docampo para charlar co alumnado de 1º de ESO, que o agardaba impaciente logo de ler dúas novelas súas: O misterio das badaladas e A casa da luz.
Xabier Docampo, que coñece e posúe os recursos da narrativa e, particularmente, os do relato popular, deleitounos co seu saber contar, xa que é un gran contador de contos. Levounos de xeito didáctico e literario polos camiños da LECTURA e do tema das emocións humanas básicas. Comezou facendo un breve repaso dos contos, das mitoloxías, lendas e dos relatos bíblicos que mostran os libros antigos, dende a Biblia, á Odisea ou mesmo as Lendas galegas. Lembrou co alumnado alí presente, como foran os seus comezos e os encontros coa literatura e a lectura. Díxonos que de neno a súa nai, costureira, recitáballe poesías e que seu pai lle contaba moitos contos.
Recreou moitas anécdotas da súa vida e gustounos especialmente a súa iniciación na poesía amorosa. Poemas dedicados a unha compañeira de escola da que estaba namorado en segredo. Matizou o tema das emocións coa rivalidade entre irmáns; o afecto e o odio como base dos sentimentos fraternos.
Outro punto co que logrou captar a nosa atención, foi cando comentou que conseguira os seus primeiros lectores na época na que estudaba no seminario, pois tiñan prohibido ler libros e, como daquela non había televisión, teléfonos móbiles, nin as diversións que hai hoxe, dedicaba o tempo a escribir contos.
Os rapaces e as rapazas fixéronlle varias preguntas ás que contestou co humor e o misterio que o caracteriza e que consegue enredarnos. Falou da súa amizade co esritor Juan Farias, un autor moi querido na literatura xuvenil. Ante a pregunta que de onde sacaba, con tanto acerto, as ideas para escribir, respostou que a inspiración conséguese, e a conseguía el, escribindo e escribindo moitas horas seguidas, lembrando a súa experiencia e, sobre todo, recordando a etapa da infancia. A literatura é a infancia recobrada.
Ao final animounos a ler moito e subliñou que Álvaro Cunqueiro fora o autor que máis influira nel.
Despediuse recordando que teñamos moi presentes os libros, as experiencias da vida e que sexamos persoas críticas.


4 comentarios:

  1. Este ano apunteime ao club de lectura do instituto.No club lemos libros moi interesantes. Nos recreos faciamos charlas sobre eles nas que falabamos de todo o relacionado coa nosa lectura. Esta experiencia gustoume moito e penso repetir o ano que vén.

    ResponderEliminar
  2. Este ano, foi a primeira vez que estiven no club de lectura e pareceume unha boa actividade, sobre todo polos libros escollidos. O que máis me gustou foi Reyes de la basura. Gustoume polo realismo e polas aventuras que viviron os personaxes. As charlas parecéronme moi entretidas porque contrastas as túas opinións coas dos teus compañeiros e aprendes cousas novas.

    ResponderEliminar
  3. Este é o cuarto ano que pertenzo ao club, e por desgraza o meu último, xa que estou en 4º e marcho deste instituto. A experiencia gustoume moito e por iso quixen estar os catro anos neste club, xa que os libros suxeridos parecéronme moi bos a maioría. Por exemplo, hai dous anos disfrutei moito da lectura de 'Proxecto Amanda' e este curso o que máis me gustou foi o libro 'Nada'. Recoméndolle aos alumnos que non coñecen esta experiencia que se apunten ao club porque é moi interesante e gústanos moito participar nas reunións. Mesmo ten premio, xa que nas reunións dannos a merenda e unha vez cada curso imos de excursión a bibliotecas, a mercar libros para renovar os fondos, ao teatro, a comer fóra, etc. Apúntate, merece a pena!

    ResponderEliminar
  4. Os anos no meu club de lectura neste instituto foron moi bos e case sempre obtiven moi boas experiencias. Reunímonos 2 ou 3 veces por trimestre para dar as nosas opinións sobre as lecturas programadas, contrastamos as nosas opinións e disfrutamos moito mentres nos dan a merenda. O último libro que limos, 'A neta do señon Lihn' resultoume un libro moi emotivo, e creo que entre todos os que lin nos 4 anos que levo cos Viobardos, foi o que máis me gustou.
    Unha experiencia que debería continuar.

    ResponderEliminar