14.4.11

Os Viós -bardos imos a Santiago.


Os Viós-bardos saímos, unha vez máis, da biblioteca. Esta vez fomos máis lonxe cás outras: fomos pasar todo o día a Santiago. Chegamos ás 10.30 a Fonseca, onde nos esperaba Rosi, a guía que puso á nosa disposición a Universidade. Dividímonos en dous grupos, pois eramos moitos, corenta e nove en total, e comezamos a visita. En 1º lugar visitamos a Biblioteca América, unha auténtica xoia, preciosa, na que só hai materiais que tratan sobre América, de aí o seu nome. Ensinounos un facsímil do "diamante" da Universidade, o seu libro máis antigo, datado do S. XI, libro de horas do Rei Fernando I. Logo, tamén en Fonseca, visitamos a Biblioteca Lago, reservada só a investigadores, tamén moi fermosa, aínda que non tanto como a primeira. Dende Fonseca fomos ata á Facultade de Historia, onde tamén puidemos asombrarnos coa súa biblioteca, pero esta vez moi caladiños, pois había xente estudando. Cando rematamos fomos á Praza de Cervantes , á libraría Couceiro, onde foron amabilísimos connosco: ensináronnos o seu taller artesanal de encadernación e explicáronnos detalladamente todo o proceso. Logo percorremos a libraría para seleccionar libros para a nosa biblioteca e tamén aquí nos axudaron moito coas súas indicacións. (Por certo, os nosos Viós-bardos víronlle os pés a Cervantes).
Feitas as compras: A COMER!!! No comedor universitario da Facultade de Medicina estaban esperando por nós coas mesas preparadas. O anaquiño de tarde que nos quedaba ata a hora de volver aproveitámolo para desfrutar da estupenda tarde de primavera no parque de Bonaval e alí, á sombriña, sacamos os libros das bolsas e fomos cada un de nós explicando a nosa elección. Foi un día moi ben aproveitado no que puidemos ver un mundo diferente ao noso diario e que xira ao redor dos libros: admirar a beleza do libro antigo, das bibliotecas e desfrutar co descubrimento do libro recén estreado. Foi cansado, pero pagou moito a pena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario