18.12.13

Recomendacións lectoras para este Nadal :)

Ola a tod@s:

Outro ano máis que se vai e nós ímolo despedir da mellor maneira que sabemos: aproveitanto estes días de lecer e de estar na casa para coller un bo libro e disfrutar do pracer de ler. Para facilitarvos o traballo de escoller a lectura, aquí tedes unha serie de recomendacións que elaborou o equipo da Biblioteca pensando en todos vós. Agardamos que sexa do voso agrado e... Feliz Nadal!

19.11.13

César Mallorquí, Premio Nacional de Literatura Xuvenil

A estas alturas, xa saberedes que César Mallorquí acaba de conseguir o Premio Nacional de Literatura Xuvenil pola súa última novela: La isla de Bowen (Edebé, 2013)
Xa que neste centro, César Mallorquí ten un ben nutrido club de fans, sobre todo lectores e lectoras de As lágrimas de Shiva, non queriamos deixar pasar esta oportunidade para mostrar a nosa alegría.
Aquí  deixamos una entrevista do autor  no programa Página 2, para que o coñezades mellor.
Se tes interese, pasa pola biblioteca: hai moitos libros de César Mallorquí agardando por ti.

15.10.13

Manifesto da Literatura Xuvenil


Interesantes reflexións sobre a Literatura xuvenil neste vídeo Stop Motion da revista online El Templo de las mil puertas que queremos compartir con todos vós.

9.10.13

BOAS NOVAS PARA A POESÍA GALEGA!


O Ministerio de Cultura acaba de conceder o Premio Nacional de Poesía ao poeta coruñés Manuel Álvarez Torneiro. Esta é unha magnífica nova que non podiamos deixar pasar sen compartir con todos vós, neste espazo no que tanto nos importa a literatura e a lingua. 
A concesión deste premio "cementa o idioma e recoñece o valor da nosa lingua" en palabras do propio poeta. É o primeiro Premio Nacional de Poesía concedido a unha obra lírica escrita en galego.
 Os ángulos da brasa, a obra premiada, acadara xa antes outros recoñecementos importantes como o da Crítica Española ou o da Asociación de Escritores en Lingua Galega. En palabras de Manuel Torneiro, este poemario responde  a temas do día a día... non é un  produto estándar, nin frívolo, nin lúdico, nin simplista. Incide nunha realidade que é tan persoal como plural e foi escrito con ese acento rigorosamente humano.
Pasa pola biblioteca se queres gozar da súa lectura.

19.9.13

Xa estamos aquí!

Ola a tod@s! Xa estamos aquí outro curso máis para compartir convosco lecturas, opinións, inquedanzas, soños... En breve vos informaremos das actividades previstas pola Biblioteca  e da composición dos novos Clubs de Lectura, que agardamos sexan tan numerosos e participativos como os de todos estes anos pasados. Xa sabemos que non é necesario que vos animemos a ler porque, se de algunha cousa podemos estar orgullosos neste instituto, é da cantidade de rapaces e rapazas que forman parte da gran familia da Biblioteca. Aínda así, gustaríamos de vos presentar a uns rapaciños que todos vós coñecedes e que teñen algo moi importante que dicirnos... Non perdades ollo do vídeo!

Nada máis; estamos desexando vervos (lervos) por aquí. 

5.6.13

Recomendacións lectoras para o verán

Pechamos o blogue ata setembro, pero antes queremos deixarvos aquí unha selección de libros que consideramos interesantes; por se estades perdidos, por se non sabes que ler neste verán, fica aquí este PDF para que o consultedes. Bótalle unha ollada porque estamos seguros que algún destes libros será a compañía perfecta para este tempo de lecer. O equipo da Biblioteca dávos as grazas pola vosa participación e entusiasmo durante este curso que está a piques de rematar.
Cos nosos mellores desexos, pasade un bo verán!

24.5.13

Algúns comentarios dos Viós-bardos

Escollemos unha selección dos comentarios que nos fixeron os alumnos sobre a actividade do Club de Lectura. Énchennos de orgullo, axúdannos a continuar e por iso, queremos compartilos con vós.

Este ano apunteime ao club de lectura do instituto.No club lemos libros moi interesantes. Nos recreos faciamos charlas sobre eles nas que falabamos de todo o relacionado coa nosa lectura. Esta experiencia gustoume moito e penso repetir o ano que vén.
Andrea (2º ESO)

Este ano, foi a primeira vez que estiven no club de lectura e pareceume unha boa actividade, sobre todo polos libros escollidos. O que máis me gustou foi Reyes de la basura. Gustoume polo realismo e polas aventuras que viviron os personaxes. As charlas parecéronme moi entretidas porque contrastas as túas opinións coas dos teus compañeiros e aprendes cousas novas.
Anxo (2º ESO)

Este é o cuarto ano que pertenzo ao club, e por desgraza o meu último, xa que estou en 4º e marcho deste instituto. A experiencia gustoume moito e por iso quixen estar os catro anos neste club, xa que os libros suxeridos parecéronme moi bos a maioría. Por exemplo, hai dous anos disfrutei moito da lectura de 'Proxecto Amanda' e este curso o que máis me gustou foi o libro 'Nada'. Recoméndolle aos alumnos que non coñecen esta experiencia que se apunten ao club porque é moi interesante e gústanos moito participar nas reunións. Mesmo ten premio, xa que nas reunións dannos a merenda e unha vez cada curso imos de excursión a bibliotecas, a mercar libros para renovar os fondos, ao teatro, a comer fóra, etc. Apúntate, merece a pena!
Carla (4º ESO)

Os anos no meu club de lectura neste instituto foron moi bos e case sempre obtiven moi boas experiencias. Reunímonos 2 ou 3 veces por trimestre para dar as nosas opinións sobre as lecturas programadas, contrastamos as nosas opinións e disfrutamos moito mentres nos dan a merenda. O último libro que limos, 'A neta do señon Lihn' resultoume un libro moi emotivo, e creo que entre todos os que lin nos 4 anos que levo cos Viobardos, foi o que máis me gustou.
Unha experiencia que debería continuar.
Sara (4º ESO)

A miña experiencia no Club de Lectura foi moi entretida e emocionante. Lemos moitas obras, a maioría gustáronme moito, aínda que había algunhas que non me encantaron. O que máis me gusta do Club son as reunións. Reunímonos dúas veces por trimestre para falar sobre os libros que lemos. Falamos, rimos e pasámolo ben. Ademáis, ao final danos un bombón a cada un. Tamén me gustou moito a excursión que fixemos como remate do club. Do que estou segura é de que o ano que vén volverei a apuntarme.
Irene (2º ESO)

O Club de Lectura foi unha experiencia moi divertida, os libros que limos son moi entretidos e a excursión foi moi interesante. Fomos ver unha obra de teatro na que nos representaron unhas miniobras moi amenas. Despois visitamos a biblioteca de Ágora e mercamos libros na FNAC. O ano que vén vou apuntarme de novo.
Clara (2º ESO)

Reunións do Club de lectura

 Rematamos  as reunións do club neste curso escolar, coa charla sobre a novela de Philipe Claudel, A neta do Sr. Lihn, unha obra que lemos no grupo de 4º da ESO e que conseguiu emocionarnos a todos: houbo quen se commoveu profundamente, houbo quen chorou, quen non puido con ela e ata houbo quen se ríu... Imposible permanecer indiferente ante a riqueza de sentimentos que afloran nesta historia: soidade, desarraigo, morriña, amizade...
O Equipo de Biblioteca remata orgulloso e agradecido este curso. Orgulloso dos membros do club que demostraron ganas de ler a moreas, criterio lector, capacidade crítica e entusiasmo nos comentarios, e agradecido pola súa participación e boa disposición á hora de fixar datas, colaborar en actividades propostas  e todo aquilo relacionado coa boa marcha do noso club de lectura. Premiámolos cunha saída a Coruña  na que disfrutaron coas obras de La Tuerka, coa visita á Biblioteca do Ágora e coas  compras de novidades na FNAC. Realmente merecían este agasallo!
 Momentos especiais tamén para o club foron os encontros con Xulia Alonso e Xabier Docampo, aos que quedamos moi agradecidos.
Foron moitas as obras que lemos e compartimos este curso: .Palabras  envelenadas, Futuro Imperfecto, As lágrimas de Shiva, A chamada da selva, Reyes de la basura, O vixía no centeo, A casa da luz, Verónica decide morir, Nunca seré tu héroe, Nada... e aínda nos quedará algunha. Todas elas, en xeral, gustaron e fixéronnos contrastar opinións diferentes, compartir puntos de vista e ampliar coñecementos.
Agardamos por vós no próximo curso para seguir compartindo o placer da boa literatura.

Un bo libro non só se escribe
para multiplicar e transmitir a voz,
senón tamén para perpetuala.
 J. Ruskin

22.5.13

Visita de Xabier Docampo


O día 16 visitounos Xabier Docampo para charlar co alumnado de 1º de ESO, que o agardaba impaciente logo de ler dúas novelas súas: O misterio das badaladas e A casa da luz.
Xabier Docampo, que coñece e posúe os recursos da narrativa e, particularmente, os do relato popular, deleitounos co seu saber contar, xa que é un gran contador de contos. Levounos de xeito didáctico e literario polos camiños da LECTURA e do tema das emocións humanas básicas. Comezou facendo un breve repaso dos contos, das mitoloxías, lendas e dos relatos bíblicos que mostran os libros antigos, dende a Biblia, á Odisea ou mesmo as Lendas galegas. Lembrou co alumnado alí presente, como foran os seus comezos e os encontros coa literatura e a lectura. Díxonos que de neno a súa nai, costureira, recitáballe poesías e que seu pai lle contaba moitos contos.
Recreou moitas anécdotas da súa vida e gustounos especialmente a súa iniciación na poesía amorosa. Poemas dedicados a unha compañeira de escola da que estaba namorado en segredo. Matizou o tema das emocións coa rivalidade entre irmáns; o afecto e o odio como base dos sentimentos fraternos.
Outro punto co que logrou captar a nosa atención, foi cando comentou que conseguira os seus primeiros lectores na época na que estudaba no seminario, pois tiñan prohibido ler libros e, como daquela non había televisión, teléfonos móbiles, nin as diversións que hai hoxe, dedicaba o tempo a escribir contos.
Os rapaces e as rapazas fixéronlle varias preguntas ás que contestou co humor e o misterio que o caracteriza e que consegue enredarnos. Falou da súa amizade co esritor Juan Farias, un autor moi querido na literatura xuvenil. Ante a pregunta que de onde sacaba, con tanto acerto, as ideas para escribir, respostou que a inspiración conséguese, e a conseguía el, escribindo e escribindo moitas horas seguidas, lembrando a súa experiencia e, sobre todo, recordando a etapa da infancia. A literatura é a infancia recobrada.
Ao final animounos a ler moito e subliñou que Álvaro Cunqueiro fora o autor que máis influira nel.
Despediuse recordando que teñamos moi presentes os libros, as experiencias da vida e que sexamos persoas críticas.


3.5.13

PREMIO "LIBROS DIMINUTOS..."


Xa temos ganador, ou mellor dito, ganadoras, do I Concurso "Libros diminutos para ler en segundos". As premiadas son Angélica Pérez e Ana Belén Taibo, alumnas de 1º A. Nesta pequeniña obra de arte, Como la vida misma, as autoras sérvense da orde alfabética das palabras para narrar unha historia de amor, un verdadeiro paseo polos sentimentos e vivencias de dúas persoas que comparten toda unha vida. O xurado valorou tanto o historia en si mesma como a coidada elaboración deste minilibro. Non foi unha decisión fácil, pois foron moitos os traballos presentados e de moita calidade.
O éxito deste concurso anímanos a preparar novas convocatorias en cursos vindeiros. Grazas a tod@s os participantes e parabéns ás ganadoras!