24.5.13

Reunións do Club de lectura

 Rematamos  as reunións do club neste curso escolar, coa charla sobre a novela de Philipe Claudel, A neta do Sr. Lihn, unha obra que lemos no grupo de 4º da ESO e que conseguiu emocionarnos a todos: houbo quen se commoveu profundamente, houbo quen chorou, quen non puido con ela e ata houbo quen se ríu... Imposible permanecer indiferente ante a riqueza de sentimentos que afloran nesta historia: soidade, desarraigo, morriña, amizade...
O Equipo de Biblioteca remata orgulloso e agradecido este curso. Orgulloso dos membros do club que demostraron ganas de ler a moreas, criterio lector, capacidade crítica e entusiasmo nos comentarios, e agradecido pola súa participación e boa disposición á hora de fixar datas, colaborar en actividades propostas  e todo aquilo relacionado coa boa marcha do noso club de lectura. Premiámolos cunha saída a Coruña  na que disfrutaron coas obras de La Tuerka, coa visita á Biblioteca do Ágora e coas  compras de novidades na FNAC. Realmente merecían este agasallo!
 Momentos especiais tamén para o club foron os encontros con Xulia Alonso e Xabier Docampo, aos que quedamos moi agradecidos.
Foron moitas as obras que lemos e compartimos este curso: .Palabras  envelenadas, Futuro Imperfecto, As lágrimas de Shiva, A chamada da selva, Reyes de la basura, O vixía no centeo, A casa da luz, Verónica decide morir, Nunca seré tu héroe, Nada... e aínda nos quedará algunha. Todas elas, en xeral, gustaron e fixéronnos contrastar opinións diferentes, compartir puntos de vista e ampliar coñecementos.
Agardamos por vós no próximo curso para seguir compartindo o placer da boa literatura.

Un bo libro non só se escribe
para multiplicar e transmitir a voz,
senón tamén para perpetuala.
 J. Ruskin

No hay comentarios:

Publicar un comentario