Mostrando entradas con la etiqueta Encontro con autores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Encontro con autores. Mostrar todas las entradas

8.3.12

Reunión de Héctor Carré cos Vios-bardos


A reunión de onte do Club de Lectura foi moi diferente ao que estamos afeitos: contamos coa visita de Héctor Carré, autor de Febre, o libro escollido polos nosos Vios-bardos para este trimestre. Pero non só falamos deste libro, senón que as múltiples facetas artísticas de Héctor permitíronnos abordar outros temas: relacións entre cine e literatura, diferenzas entre un guión e unha novela, proceso de documentación-creación, etc. Esta visita foi o complemento perfecto para a lectura de Febre, que tan fonda impresión causou en moitos membros do club. Sentímonos moi cómodos coa cercanía e boa disposición coa que o creador contestou a todas as cuestións que lle plantexamos, sensacións que agardamos tivera tamén Héctor con nós. Esperamos contar coa súa compañía noutras ocasións pois, como veciño deste concello, é un máis de nós.

12.1.12

Andrea Maceiras no IES Viós

Onte estivo con nós Andrea Maceiras, a autora de Violeta Tamurana, un dos libros que o alumnado de 1º de ESO leu no primeiro trimestre deste curso. O encontro foi organizado polo Departamento de Lingua e Literatura galegas, en colaboración coa Biblioteca e o Equipo de Dinamización Lingüística. Era unha visita certamente agardada; todos estabamos ansiosos por coñecer a Andrea e por saber máis cousas sobre o seu libro. A través dunha coidada presentación, enterámonos de como xurdiu a idea do libro, de como se foi construindo, das súas influencias... Falamos de racismo, de conservación da natureza, de amor pola terra, de temas sobre os que a novela nos fixo reflexionar.
O alumnado estivo moi participativo: aproveitou a visita de Andrea para intercambiar opinións e sensacións provocadas pola lectura de Violeta Tamurana.

Fantástica a colaboración do Departamento de Tecnoloxía, que converteu o espazo da biblioteca nun fermosísimo bosque de tamuras. Grazas a Esther e aos alumnos de 4º. Tamén queremos dar grazas desde aquí á Biblioteca do Concello de Abegondo, que nos prestou os exemplares necesarios para que todos os alumnos tiveran o libro de Andrea Maceiras.

11.5.11

A POESÍA DE YOLANDA CASTAÑO



Onte estivo connosco Yolanda Castaño. Tedes unha entrada moi completa desta actividade no blog do EDL na que participaron, de xeito moi acertado, algunhas alumnas de 2º curso.
Deixou para nós un fermoso libro cunha particular dedicatoria que lle agradecemos moitísimo.Con actividades coma esta pretendemos achegar o mundo poético aos lectores de Viós, ese mundo que consideramos pechado e difícil e que persoas coma Yolanda no lo amosan abríndonos a porta da súa obra.

Animádevos! Comezade a desfrutar da poesía.

3.3.11

3 de marzo, Xosé Miranda encóntrase cos Viós-bardos.



Hoxe tivemos connosco a Xosé Miranda que nos estivo falando do seu libro Pel de lobo. Estiveron presentes os Viós-bardos de 1º e 2º, aínda que hai no centro moitos máis alumnos que leron este libro.

A Xosé Miranda contámoslle o éxito que tiña o seu libro no noso centro, e que tiñamos lectores expertos no mesmo, como Fernando Torreiro, ou outros que comezaron a súa aventura cos libros a partir deste, como Javier Camba.
A cambio Xosé Miranda falounos de cousas interesantísimas que foron saínda a partir das vosas
preguntas: a importancia da tradición popular no seu libro, especialmente o tema dos lobishomes; a liberdade, simbolizada co lobo, fronte ao can que simboliza a sumisión; o papel da muller, silenciosa e obediente, como a nai ou rebelde, e por iso malfadada, como Ana; a liberdade sexual co personaxe hermafrodita (el ensinounos unha nova palabra que achegamos ao noso particular banco: manflorito) Roso ou Rosa, que cambia segundo a lúa; o momento histórico: as loitas forais, o agrarismos, a guerra de Marrocos, a Guerra Civil, ... e concluiu que todas as guerras son iguais, porque as provocan os ricos, pero sófrenas os pobres, como na novela...
En fin, moitísimas cousas aprendemos hoxe con Xosé Miranda e co seu libro Pel de lobo; un libro que ten a vantaxe de que pode ser relido en diferentes momentos da vida porque sempre vai aportar algo novo ao tratar temáticas tan diversas.

2.3.11

Xosé Miranda cos Viós-bardos!!!!



Todos sabemos que Pel de lobo é un dos libros preferidos no noso IESe que sempre lemos no club de lectura.
Dende hai tempo temos ganas de poder compartir o noso entusiasmo polo libro co seu autor, Xosé Miranda, e por fin chegou o momento:
Mañá, xoves 3 de marzo, ás 9,50 hs. teremos, por fin, a Xosé Miranda na nosa biblioteca para charlar cos grupos dos Viós-bardos de 1º e 2º (estes leron o libro o curso pasado). Preparádevos para preguntarlle todo o que vos apeteza ao autor.
Ata mañá, Viós-bardos!!!

13.5.10

MARILAR ALEIXANDRE NO IES DE VIÓS

O día 12 de maio Marilar Aleixandre estivo connosco no IES Viós. Xa coñecía as actividades do noso Club de Lectura e puidera ver, a través do nosos blog, o traballo que fixemos a partir dos seus libros, facendo unha mención especial do vídeo "A música en A banda sen futuro". De feito, xa mostrara o seu agrado, a través dunha mensaxe, na entrada desta actividade, e iso gustounos especialmente.
Así que comezou a súa charla contándonos o conto de Xan Ourizo, que aparece mencionado en A banda sen futuro, pero que non foramos quen de localizar por ningures e comentounos a súa intención de publicalo traducido ao galego. Logo contestou as nosas preguntas sobre os seus libros : A cabeza da medusa, premio Fundación Caixa Galicia 2008, Rúa Carbón, A banda sen futuro e A expedición ao Pacífico. Soubemos que houbo, nunha época na que ela foi directora de instituto, unha Sofía e unha Lupe; que Rúa Carbón non foi traducido ao éuscaro, quizais porque Paula toma partido ao final do libro; que soubo de Poch a través de Julián Hernández, de Siniestro Total, que fora seu alumno e que envexaba a Emilia ,por ter realizado a expedición ao Pacífico. Non quixo elixir ningún dos seus libros, por medo ás represalias dos personaxes ao chegar á casa. E tamén nos contou os seus últimos traballos e os seus proxectos.
O certo é que tivo moita paciencia, e esta é a parte que non quixeramos ter que relatar, porque o comportamento do alumnado deixou moito que desexar: falta de atención, comentarios fóra de lugar, risos... Nós asumimos a nosa parte de culpa: era un encontro ao que só deberan ter acudido os lectores dos seus libros, é dicir, o alumnado de 4º e os compoñentes do Club de lectura..
Dende aquí pedimos desculpas de novo a Marilar e dámoslle as grazas, porque os que estivemos atentos puidemos aprender moitas cousa.
GRAZAS,MARILAR.

15.4.10

HOXE, 15 DE MARZO, CHARLAMOS CON ANXO FARIÑA


Os alumnos de 1º estaban que non daban creto, por fin! Anxo Fariña, o creador da serie de libros Os Megatoxos, que tanto está gustando entre o alumnado, veu á nosa biblioteca para falar dos seus libros e tamén lles descubriu a capacidade de transformación e creación que pode ter calquera ser ou obxecto: dunha caixa saíron dous namorados, e do noso Carlos de 1ºB, saiu un demo.
Logo foron cos seus libros para seren asinados e ter así un bo recordo dunha xornada tan especial.

11.2.10

EXPOSICIÓN DE BANDA DESEÑADA



Onte visitounos Xosé Tomás e con el aprendemos a ver, entender e desfrutar deste xénero tan interesante como é a banda deseñada. Mentres durou a exposición mostrástesvos moi atentos, e hoxe no recreo confirmouse: un montón de xente veu á biblioteca e colleu exemplares de banda deseñada da exposición que temos feita na biblioteca. Algúns de vós mesmo nos viñestes preguntar por Tolos, o cómic co que nos agasallou Xosé Tomás.


Así que che temos que agradecer, Tomás, que abriras unha portiña nova nos intereses dos nosos alumnos e alumnas. Moitas grazas.


8.2.10

XOSÉ TOMÁS VISITA O IES VIÓS

O ilustrador, debuxante, cartelista, profesor... e sobre todo, persoa xenerosa, vainos visitar o mércores 10 de febreiro. Teremos con el dúas sesións nas que nos deleitará nun interesante taller. Abride ben ollos e oídos, preparade os lapis e aprendede todo canto poidades porque realmente imos desfrutar dun privilexio.
O curso pasado a biblioteca xa organizou unha exposición do seu cómic COMPAÑEIROS, así que xa nos resulta familiar, pero poderemos coñecer máis do seu traballo visitando o seu blog ao que podedes acceder clicando aquí.