12.1.12

Andrea Maceiras no IES Viós

Onte estivo con nós Andrea Maceiras, a autora de Violeta Tamurana, un dos libros que o alumnado de 1º de ESO leu no primeiro trimestre deste curso. O encontro foi organizado polo Departamento de Lingua e Literatura galegas, en colaboración coa Biblioteca e o Equipo de Dinamización Lingüística. Era unha visita certamente agardada; todos estabamos ansiosos por coñecer a Andrea e por saber máis cousas sobre o seu libro. A través dunha coidada presentación, enterámonos de como xurdiu a idea do libro, de como se foi construindo, das súas influencias... Falamos de racismo, de conservación da natureza, de amor pola terra, de temas sobre os que a novela nos fixo reflexionar.
O alumnado estivo moi participativo: aproveitou a visita de Andrea para intercambiar opinións e sensacións provocadas pola lectura de Violeta Tamurana.

Fantástica a colaboración do Departamento de Tecnoloxía, que converteu o espazo da biblioteca nun fermosísimo bosque de tamuras. Grazas a Esther e aos alumnos de 4º. Tamén queremos dar grazas desde aquí á Biblioteca do Concello de Abegondo, que nos prestou os exemplares necesarios para que todos os alumnos tiveran o libro de Andrea Maceiras.

1 comentario:

  1. Moitas grazas pola invitación, foi un pracer pasar a tarde falando cos rapaces do Viós baixo a sombra das vosas fermosas tamuranas.

    Unha aperta.
    Andrea

    ResponderEliminar