17.12.09

FALAMOS DE CINE

Por se non o sabes, informámosche de que na biblioteca non só hai libros, temos outros materiais.
Nos últimos anos estamos esforzándonos en conseguir unha selección adecuada de audiovisuais. Hai documentais interesantes e unha boa selección cinematográfica de todos os xéneros, tendo como finalidade achegarvos películas que vos poidan resultar atractivas pola temática, pero tamén ofrecervos cine que probablemente non colleriades no videoclub ou non veriades nas salas de proxección.
En FALAMOS DE CINE ímosvos informar dos títulos que vaian chegando e tamén daqueles que xa levan un tempo connosco.
Esperamos os vosos comentarios sobre este tema, recomendando, criticando ou simplemente opinando sobre as películas que vaiades vendo.

Para os que teñades curiosidade por ver dende fóra o funcionamento dunha aula francesa con xente da vosa idade, La Clase, ou o experimento que un profesor realiza cos seus alumnos mostrando a ductilidade da masa e o poder dos movementos totalitarios, La Ola.
Máis xente da vosa idade! Os protagonistas de Barrio son tres xoves que viven nun barrio de Madrid afastado do centro, cando chega o verán e os madrileños escapan á costa, os tres rapaces matan o tempo dando voltas, falando de rapazas e do que lles gustaría facer.


Para os amantes do cine histórico:
Enrique V: Baseada nunha obra teatral de Shakespeare e interpretada por un dos mellores actores do repertorio do dramaturgo inglés, Kenneth Branagh.
El último mohicano e El patriota: Dous momentos que reflicten o proceso de creación dos EEUU, as loitas coloniais entre as potencias europeas, a loita pola independencia e o papel xogado polos pobos indíxenas
El último emperador. O director italiano Bernardo Bertolucci amósanos, a través da vida do emperador Puyi, a transición da China imperial á China comunista. Pero é moito máis que unha película de recreación histórica. Por certo ten unha banda sonora estupenda, fixádevos.
Ivanhoe: Ricardo Corazón de León cae nas mans dos normando tras volver das Cruzadas e só o cabaleiro Ivanhoe poderá liberalo . É unha película antiga, pero ten o encanto do cine clásico, e famosos actores do seu tempo como Robert Taylor e Elizabeth Taylor.


Pero tamén temos cine de amor como Cyrano de Bergerac, historia dramática, poética, con enorme sentido do humor e moi ben interpretada por Gerald Depardieu (que coñecedes todos como Obelix).

E que vos parece algún musical?, os temos clásicos como Cabaret ou Sorrisos e Lágrimas, West side History ou máis novos como Dreamsgirls na que podedes ver como protagonista a Beyonce.
Como aínda non se estreou Fama , podedes ir facendo boca coa versión antiga, de feito, tanto o programa de Catro como a versión que se está a estrear están inspirados nesta de 1980. Xa sabedes o argumento, se queres ser alguén no mundo do espectáculo, da danza, da interpretación ou da música debes pasar pola New York City High School for the Performing Arts e, xa sabes, como di a profesora de baile “a fama custa, e aquí é onde ides empezar a pagala, con suor...”

Pero non todo vai ser cine comercial, se queredes ver uha película diferente, probade con Buda explotó por vergüenza, que título! Que vos podo dicir? ...fixádevos o que opina o crítico cinematográfico do diario El País: "Conmovedora película (...) Le basta con una cámara, escenarios naturales, niños que desprenden autenticidad y tener claro lo que quiere describir para lograr un documento terrible, tierno y necesario." (Carlos Boyero). Por certo, o director tiña, cando fixo a película, dezaoito anos!!!

1 comentario:

  1. Vin esta película unha noite das vacacións de Nadal coas miñas fillas. Despois de ver series de televisión, debuxos animados, case sempre made in USA, pensei..."imos ver algo diferente". Sospeitaba que despois duns minutos irían para cama decepcionadas, pero non foi así.
    É unha película de ritmo lento, si, máis que calquera das que vemos habitualmente, pero non sen ritmo (que non é o mesmo), moi doada de entender, para todos os públicos, onde os nenos intérpretes parece que non interpretan senón que están a xogar e alguén os filma cunha cámara oculta. Diría tamén que e bela e poética.Pero... de que vai? pensaredes; pois é un pedaciño da vida dunha nena afagana que quere ir a escola e fai enormes esforzos para logralo a pesar de encontrase con dificultades para conseguir material e ser secuestrada por unha pandilla de nenos, coma ela, que xogan a ser talibáns e a tratan como se o foran.
    Veña, animádevos a ver cine diferente! Témola na nosa videoteca.

    ResponderEliminar