14.11.11

Novos exemplares de Banda Deseñada


Temos novidades na biblioteca! Recén chegadas as últimas publicacións de banda deseñada e novela gráfica en galego; unha pequena mostra do excelente traballo dalgúns dos nosos mellores debuxantes. Informámosche sobre elas, pero pasa pola biblioteca para gozar da súa lectura.

Causas Nobres, de Fran Bueno
Causas Nobres é o título do volume que recolle por vez primeira en galego o traballo do compostelán Fran Bueno con guións de Jay Faerber que vira a luz en Estados Unidos como Noble Causes aló polo ano 2002. A historia narra a vida da familia Noble, cuxos membros están dotados de superpoderes, e obtivo un grande éxito na súa edición orixinal.

Vento do Norte, de ÁlexCal
Creada polo escritor e produtor americano David DiGilio e acompañada do estilo do novo debuxante galego Álex Cal. O escenario escollido é un planeta Terra destruído e desolado, a onde o vento do norte trouxo un inverno sen fin. Os poucos sobreviventes resisten refuxiados nas grandes cidades conxeladas, nas que a vida é unha loita continua na procura da calor.

Nómades, de Xosé Tomás
Unha visión da emigración a través de historias de mulleres. Cada capítulo céntrase nunha protagonista que vai dun lugar a outro. Hai unha muller que cruza o estreito e chega a un lugar como España, outra que podería ser cubana e que chega para traballar como médica.

Tolos, de Xosé Tomás
Álbum de BD realizado para a Universidade da Coruña no que cinco relatos breves nos presentan personaxes relacionados dalgún xeito coa vida universitaria: Formación, voluntariado, investigación, vocación. Contén un apéndice con mostras do proceso creativo da banda deseñada.

A man do diaño, de Brais Rodríguez
Unha ollada sobre a guerra, un conflito bélico nun país indeterminado que leva a cada personaxe que o sofre a ter que enfrontarse consigo mesmo. Obra gañadora do premio Castelao 2010 da Deputación da Coruña. Prólogo de David Rubín.

O burato do Inferno, de Ramón Trigo
A mediados do S. XIX nas costas galegas os raqueiros, piratas de terra, aproveitaban as noites sen lúa e prendían fogueiras para enganar as embarcacións que navegaban próximas, e así facíanlles crer que seguían o rumbo correcto. De súpeto, os barcos encallaban nunha praia ou estrelábanse contra as rochas e eran atacados polos raqueiros, que os asaltaban e os despoxaban rapidamente da súa carga.

No hay comentarios:

Publicar un comentario