23.4.12

23 de abril: Un río de palabras

Ao primeiro nin sequera estaba seguro de que se tratase dunha boa idea. Ocorréuseme mentres contemplaba eses papeis con anuncios de todo tipo que a xente pega nos lugares máis frecuentados. Calquera persoa que viva na cidade está farta de velos, aínda que para ler o seu contido haxa que achegarse ben a eles, pois case sempre están en letra moi pequena: "Ofrécese señora por horas para coidar nenos", "Sacamos a pasear o teu can", "Cerralleiros, 24 horas"[...]
Así que entra dentro da lóxica que se me ocorrese algo parecido cando volvín atopar un deses libros que me alborotan o corazón e me devolven a alegría de vivir. Ao rematalo, asaltoume de novo o desexo que sempre sinto nestes casos:  telefonar aos amigos, saír a berrar no medio da rúa, proclamalo a todo o mundo. Dicirlle á xente que non poden seguir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo.
A idea veu a min con naturalidade. Aínda non era ben consciente do que quería facer, cando xa estaba diante do ordenador, copiando as primeiras liñas daquel volume de relatos que me tivera absorbido nos días anteriores [...]
Imprimín vinte follas, en papel de cor azul. Despois tiven que recortar a man as tiras da parte inferior. Nelas, en vez do número de teléfono, escribín o título do libro e o nome do seu autor. Se a alguén lle interesaba a historia que se agachaba detrás daquelas poucas liñas, alí tiña o fío que lle permitiría entrar nela e descubrir as súas marabillas.
Peguei as follas por todo o barrio[...]

Así empeza o relato Un río de palabras do libro de Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor. Que fantástica idea!! Os alumnos de 1º e 2º tamén querían dicirlles aos seus compañeiros que non podían seguir vivindo sen ler ese libro que tanto lles gustou,  e copiaron tan orixinal idea: hoxe, Día do libro,   empapelamos o instituto!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario