30.11.11

Agustín Fernández Paz, premiado en Guadalajara (México)

Hoxe soubemos pola prensa que o escritor vilalbés Agustín Fernández Paz foi recoñecido co VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Na acta do xurado destacouse o seu compromiso "cos valores universais e o papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega". Aproveitamos desde VIbliOS para mandarlle os parabéns, pois de todos é sabido que Fernández Paz é un dos escritores favoritos dos nosos lectores, así como un dos mais lidos. Cartas de inverno, Aire negro, O único que queda é o amor ou Noite de voraces sombras son algúns dos títulos que podes atopar na Biblioteca, libros que están á túa espera e que non che defraudarán. A que esperas?

1 comentario:

  1. Que contenta e orgullosa me fai sentir ese premio! Non o hai tan merecido!. Personal e profesionalmente estarei sempre en débeda con Agustín, traballador infatigable, profesional entregado, home íntegro dunha coherencia admirable.
    Aprendín tanto con el cando traballamos xuntos...! E como agradecer tantas horas gozando coa lectura dos seus libros...? Estou ben segura de que moitos dos meus alumnos chegaron a amar a literatura galega a través das súas historias... merece, pois, todos os premios e todos os parabéns.

    ResponderEliminar