10.12.11

Haberá primavera, de César Morán

Na Biblioteca do noso centro xa podedes gozar do último traballo realizado polo músico e escritor César Morán, catedrático de Lingua e Literatura Galega no IES Agra do Orzán. Leva por título Haberá primavera, e consiste nun libro-disco no que o autor pon música a unha selección de poemas de Álvaro Cunqueiro, escritor do que se celebra este ano o centenario do seu nacemento. Esta non é a primeira incursión de César Morán no ámbito da poesía musicada (na súa ampla traxectoria conta con dúas gravacións poético-musicais: O pobo da noite e Ríos de son e vento, sobre textos de Manolo Rivas e diversos autores da literatura contemporánea, respectivamente), motivo polo cal os que sabiamos destes antecedentes agardabamos como auga de maio a publicación de Haberá primavera. Á vista do público asistente á presentación do libro-disco, non eramos os únicos: a sala quedou pequena para acoller a todos os que alí estabamos dispostos a gozar unha vez máis do talento deste trobador do século XXI. Acompañado de Alfonso Morán (contrabaixo) e Roberto Somoza (saxofón), César Morán agasallou coas súas melodías os poemas do insigne escritor mindoniense, abandonando as palabras, por espazo dunha hora, a habitual morada do papel impreso para fluir entre todos os presentes, convertíndonos así en efémeros habitantes do universo cunqueirano.
É obrigado comentar que na gravación do disco colaboraron, ademais dos xa citados anteriormente, músicos de sona recoñecida como Nani García, Luis Soto ou Uxía Senlle, o que nos dá unha idea da cada vez máis influinte presenza deste autor no panorama musical galego.
Por certo, como podedes ver na imaxe, César tivo un oco para asinar un exemplar e dedicárllelo aos lectores da Biblioteca do IES, polo que xa podemos dicir que en Viós... hai primavera!

No hay comentarios:

Publicar un comentario