10.4.13

Revista Ollos de Aula

 
Deixamos aquí a revista Ollos de Aula que edita a Coordinadora galega de ENDL por se queredes botarlle unha ollada. Este número contén un interesante artigo de Agustín Fernández Paz no que reflexiona sobre a importancia da lectura na etapa escolar, e no que aporta prácticos consellos sobre este tema para as familias do alumnado.
 Moi ben traído neste mes que dedicamos aos LIBROS.
E un AVISO: a próxima semana empezaremos a colocar os mini-libros da exposición que organiza o equipo da Biblioteca baixo o lema LIBROS DIMINUTOS PARA LER EN SEGUNDOS
Animádevos e entregade os vosos exemplares na Biblioteca!

24.2.13

Feliz Día de Rosalía!


O 24 de febreiro conmemórase coma todos os anos o aniversario do nacemento da poeta en 1837 en Compostela. Pero este non é un ano máis: o 17 de maio farán 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o fito que marcou o inicio do rexurdimento cultural de Galicia. Dende hai meses son moitas as entidades e persoas que veñen reclamando que coincidindo con esta efeméride o 2013 se dedique ao coñecemento e á reivindicación da poeta e se dote á celebración dun carácter oficial. 
Para celebralo, deixámosvos un vídeo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Abraia comprobar a vixencia e actualidade dos versos de Rosalía!

16.2.13

Xa temos as datas das reunións


Preme sobre a imaxe para saber o día que tes que pasar pola Biblioteca! :)

14.2.13

De conversa con Xulia Alonso


A reunión do venres pasado con Xulia Alonso, a autora de Futuro Imperfecto foi realmente emotiva, achegounos moito a ela e á súa historia.
Xulia conseguiu emocionarnos coas súas palabras sinceras e chegar ao noso corazón. Pensamos que é unha muller encantadora, loitadora e digna de admiración.
Agradecémoslle a súa xenerosidade por compartir connosco a súa vida , incluídos algúns erros de xuventude para que nós non os cometamos.
Grazas, Xulia, por regalarnos un anaco da túa experiencia vital e os teus consellos que, sen dúbida, nos axudarán a entender mellor a vida.
A reunión foi un complemento PERFECTO para a lectura do libro, e para entender o seu final.
Esperamos ter oportunidade de volver charlar contigo; agardámoste cos brazos abertos!

 Os Viós-bardos de 3º

1.2.13

Palabras envelenadas conta a historia de Bárbara, unha moza de 15 anos á que lle gusta saír coas súas amigas, sair cos mozos... aos ollos dos demáis é unha adolescente normal. Pero non é así. A súa nai dáse conta de que a rapaza  ten  moitos cambios no seu comportamento, de que a evita, de que se autolesiona... pero ela non actúa ante todo isto.
Un día  Bárbara desaparece e acaban dándoa por  morta. A súa nai , agora, cúlpase por non facerlle o caso que se merecía.
É entón cando Salvador Lozano, o inspector encargado do caso, no seu último día de traballo antes da xubilación, se pregunta se realmente Bárbara está morta. Quen será o culpable da desaparición de Bárbara? Será vítima de abusos sexuais? Estará secuestrada?
Esta novela é unha clara denuncia do abuso infantil, algo  que- desgraciadamente-  estamos bastante afeitos a escoitar nos medios de comunicación.
É unha lectura intrigante que merece a pena, ainda que algunhas partes non son moi agradables, nin pracenteiras.
Animádevos a ler Palabras envelenadas. Non vos defraudará !

Cristina Barreiro

30.1.13

Dúas magníficas novas para la Literatura Infantil e Xuvenil

Queremos compartir con todos a alegría que nos produciron dúas novas sucedidas nestes últimos días. unha, a entrada na Real Academia Galega de Fina Casalderrey e outra, o nomeamento de Agustín Fernández Paz, Doutor Honoris Causa, pola Universidade de Vigo.
As dúas nos enchen de orgullo e nos fan felices porque ambos son autores que nos fixeron disfrutar moitísimo coas súas obras e que nos fixeron valorar con xustiza a Literatura Infantil e Xuvenil Galega.
Así informaba destas novas a Asesoría de Bibliotecas Escolares: 




RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!


Agustín Ferñández Paz foi nomeado doctor honoris causa pola Universidade de Vigo. 
O autor de múltiples libros para a infancia e a mocidade, o dinamizador de movementos de renovación pedagóxica e defensor da lingua, ve así recoñecida a súa achega á cultura e ao saber deste país.
Conta con numerosos premios entre os que destacan o Nacional de Literatura Infantil por O único que queda é o amor, o Lazarillo por Contos por palabras,o Edebé infantil con A escola dos piratas e o xuvenil por Trece anos de Branca, o Merlín por As flores radiactivas, o premio Rañolas por Cartas de inverno ... 
Os seus libros están traducidos a múltiples idiomas. A súa voz chega cada vez a máis lugares. Segue a falar e a escribir, Agustín!

20.12.12

Lecturas para o Nadal :)

Aquí tedes algunhas recomendacións para aproveitar un pouquiño mellor estes días de lecer. Desde a Biblioteca queremos desexarvos a todos  unas Felices Festas de Nadal.

30.11.12

Cartas de inverno, en Banda Deseñada


Un aviso importante: xa temos na biblioteca un exemplar-fermosamente dedicado, ademais-da novela gráfica Cartas de inverno, realizada por Antonio Seijas.
Como sabemos que a novela de Agustín Fernández Paz está entre as favoritas de boa parte  do alumnado, estamos convencidos de que este cómic non vai parar de circular.
Os dous libros, aínda mantendo o mesmo tema e a mesma estrutura, son obras diferentes  porque as distingue a mirada persoal dos seus autores. Se Agustín  Fernández sabe envolvernos nese ambiente de misterio, intriga e terror coas súas palabras, Antonio Seijas fai o mesmo coas súas imaxes. No cómic aos personaxes que Agustín deixa sen describir fisicamente, Antonio ponlles rostro; a paisaxe cobra moitísima forza a través do debuxo  e o uso das cores define perfectamente o atmosfera de desacougo e pánico que rodea o protagonista.
"Antonio Seijas manexa con especial habilidade a  montaxe das viñetas na páxina, o que fai que a narración avance con moita naturalidade". Son palabras de Agustín Fernández na presentación do cómic.
Unha obra fantástica, que se le dun tirón. Podemos dicir, abofé, que lle quedou "de medo"!!
Á túa disposición na biblioteca!


28.11.12


Xa temos as datas das reunións do Club de Lectura para o mes de nadal.  Publicámolas nesta entrada para que saibades cando tedes que pasar pola Biblioteca. Vémonos aí! :)

1º A - Reyes de la Basura
Martes, 4 de decembro

1º B - A Chamada da Selva
Venres, 14 de decembro

3º - Futuro Imperfecto
Luns, 17 de decembro

4º - Nada
Mércores, 12 de decembro

21.11.12

Futuro Imperfecto, de Xulia Alonso, por Pilar Suárez


Hai uns días que lin Futuro Imperfecto. Pareceume unha novela de amor ben bonita! En realidade, non é exactamente unha novela, é unha historia de amor que segue viva , unha autobiografía, unhas memorias... non sei en que xénero da literatura encadrala. 
Reflicte un tempo, que coincide coa miña xuventude, onde tantos estragos fixeron o problema da drogodependencia máis a aparición da enfermidade da SIDA. Todos tivemos algunha persoa cercana que a sufriu. Sabemos do que fala Xulia e creo que pretende facer pedagoxía tratando un tema que segue estando, desafortunadamente, de actualidade.
 Por outra parte, paréceme fermoso, e valente a un tempo, facer pública a intimidade da súa historia de amor. Gústame moito, tamén,  a maneira que ten de retratar o rural galego dos seus ancestros. 
As miñas felicitacións para a escritora! 
Pilar Suárez